Comezan os traballos do obradoiro de emprego nos espazos verdes de Caldas de Reis

Umia
24 de maio 2021

Esta formación vaise desenvolver durante 4 meses, nos que o alumnado-traballador vai combinar a adquisición de coñecementos teóricos na aula coa realización de traballos de implantación e mantemento de xardíns e zonas verdes, así como a produción e mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinaría

Alumnado do Obradoiro de Emprego "Os Camiños do Camiño" traballa nos espazos verdes de Caldas de Reis
Alumnado do Obradoiro de Emprego "Os Camiños do Camiño" traballa nos espazos verdes de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O alumnado do Obradoiro de Emprego "Os Camiños do Camiño", posto en marcha polo Concello de Caldas de Reis e financiado pola Xunta de Galicia, comezou a formación no certificado de profesionalidade de "actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de Xardinaría".

Esta formación vaise desenvolver durante 4 meses, nos que o alumnado-traballador vai combinar a adquisición de coñecementos teóricos na aula coa realización de traballos de implantación e mantemento de xardíns e zonas verdes, así como a produción e mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinaría. Estes labores desenvolveranse na Finca de Segade e nas diferentes zonas axardinadas do casco urbano de Caldas de Reis.

Nun primeiro momento estanse a realizar labores de limpeza e retirada de herbas adventicias, así como de vexetación invasora, como a tradescantia ou a polygonum capitatum, entre outras. Posteriormente procederase a realizar podas e reposicións de plantas nos parterres e maceteiros do centro da vila.

Os traballos combinaranse cos que se levan realizando desde o mes de febreiro na Finca de Segade, onde se están a realizar traballos de recuperación medioambiental, retirando vexetación invasora, fundamentalmente acacias e robinias, realizando reforestacións con especies autóctonas e reacondicionando os sendeiros que percorren a propiedade.

O Goberno local destaca o importante labor que está realizando tanto o alumnado-traballador do obradoiro como o persoal docente e directivo da iniciativa. No caso da Finca de Segade, fontes municipais sinalan que as actuacións están moi avanzadas e va supoñer un antes e un despois para este espazo natural e patrimonial con enorme potencialidade turística.