Comezan os traballos para conservar a escavación do Monte do Castro, en Ribadumia

O Salnés
28 de setembro 2017

As obras desenvólvense sobre unha superficie de 2.800 metros cadrados e poderán visitarse de luns a venres as 12 horas

Monte do Castro, Ribadumia
Monte do Castro, Ribadumia / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra iniciou os traballos de conservación e limpeza da escavación de Monte do Castro en Ribadumia unha vez que a dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia concedeu a correspondente autorización ao grupo de arqueólogos da institución provincial.

As obras de conservación vanse desenvolver nunha superficie de 2.800 metros cadrados e pretenden garantir o mantemento dos restos atopados nas escavacións realizadas dende 2011 neste xacemento galaico-romano ate que o Ministerio de Fomento acometa as obras de musealización, dacordo ao convenio que mantén coa institución provincial.

Os traballos están previstos que se desenvolvan durante uns cinco meses por dous arqueólogos, unha restauradora e un equipo de doce auxiliares. As obras fundamentalmente consistirán na consolidación das estruturas de vivenda e muros atopadas nas escavacións, a limpeza de vexetación invasora e a adecuación dos terreos para evitar derrubes e escorrentías de auga.

Durante estes meses de traballo, o xacemento poderá ser visitado de luns a venres as 12 horas, para o que un arqueólogo das escavacións acompañará as visitas dando explicacións do que supón os achados realizados en Monte do Castro.

Os traballos que se van desenvolver teñen un orzamento de máis de 180.000 euros.