O terreo municipal de Conde Bugallal, no barrio da Parda, está a acoller os traballos para o acondicionamento dos terreos que albergarán a próxima horta urbana. As obras contemplan a limpeza, a retirada de cascotes e a mellora do acceso ao propio terreo.
Durante estes traballos tamén se plantarán árbores e instalaranse bancos e mesas para a comodidade das persoas que traballarán a horta urbana. O terreo contará cunha caseta para poder gardar os instrumentos de labranza, á parte da conexión de auga necesaria para o seu desenvolvemento.
Estas obras de acondicionamento execútaos o módulo de xardinaría do colexio Xoán XXIII, que colabora coa Concellaría de Benestar.
Esta futura horta urbana contará con 41 parcelas de 10 x 2 metros nas que traballarán exclusivamente mulleres, dado que é o proxecto promovido pola Concellaría da Muller co obxectivo de impulsar este modelo de horta ecolóxica.
Pontevedra conta xa con outros proxectos similares como a horta de Monte Porreiro, que é atendida por escolares.