Iniciáronse os trámites expropiatorios da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, por medio da Axencia Galega de Infraestruturas, para a construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica PO-313, no municipio de Marín segundo recolle o DOG.
As persoas titulares dos terreos afectados están citados na Casa do Concello de Marín o xoves 25 de xuño, de 09:00 a 13:30 horas, para o levantamento das actas previas á ocupación, e o 30 de xullo, de 11:00 a 12:30 horas, para a formalización das actas de ocupación.
O proxecto consiste na creación dunha senda de case 1 quilómetro de lonxitude na marxe esquerda da vía, concretamente entre os puntos quilométricos 4+120 e 5+035.
O deseño técnico establece un espazo de entre 1,80 e 2,22 metros de ancho, que se axustará nos puntos onde existan construcións como muros ou galpóns para evitar o seu derribo.
Pola súa parte, os carrís de circulación de vehículos manterán un ancho de 3,50 metros, complementados con beiravías de entre 0,5 e 1,1 metros.
Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses e inclúen labores de drenaxe cunha rede de tubaxes e sumidoiros, a construción de estruturas de sostemento de noiros e a reposición do firme da calzada.
O proxecto, que poderá contar con fondos europeos Feder do programa 21/27, complétase coa instalación dunha parada de autobús na contorna do punto quilométrico 0+700 e a colocación de varandas urbanas en diferentes tramos do percorrido.
Esta nova infraestrutura enlazará coas sendas xa existentes de Coirados-Pardavila e Pardavila-Cadro.