A Xunta de Galicia someterá este luns a información pública o proxecto da nova senda peonil e ciclista na estrada PO-313, entre Cadro e Cadrelo.
Trátase dun tramo de case un quilómetro que completará o percorrido xa existente e suporá un investimento de preto de 700.000 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, explicou que o obxectivo é ter o proxecto aprobado a comezos de 2026 para poder licitar de seguido as obras.
Esta nova senda permitirá unir de maneira continua o núcleo urbano de Marín con Cadrelo, sumando preto de 6 quilómetros de percorrido seguro para camiñantes e ciclistas.
Ademais, incluirá unha parada de autobús, varandas de protección en varios tramos e medidas de integración coa contorna natural, reforzando a conexión entre as parroquias e mellorando a seguridade viaria.
Martínez Allegue lembrou que esta actuación forma parte do Plan de Sendas de Galicia, coa que o goberno galego xa leva máis de 300 quilómetros executados en toda a comunidade.
En Marín, este compromiso coa mobilidade sostible tamén se reflicte nas intervencións realizadas na PO-551, que une Marín e Bueu, con sendas xa rematadas entre Vilaseca e Lapamán e entre Bagüín e Seixo.
A conselleira destacou tamén a colaboración co Concello de Marín, fundamental para desenvolver iniciativas como o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) das Raposeiras, onde se prevé construír arredor de 400 vivendas, das cales o 80% serán protexidas.