Representantes da sección sindical de Comisións Obreiras de Ence mantiñan durante este martes encontros co deputado Oskar Matute, de Bildu, e con Gabriel Rufián, de Esquerra Republicana de Catalunya, coa intención de trasladarlles a súa preocupación en relación coa aprobación da Lei de Cambio Climático e de Transición Ecolóxica.
Segundo José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CC.OO., o deputado de Bildu no Congreso dos Deputados confirmaba que o artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático ten como obxectivo pechar empresas do sector mar-industria e outras empresas industriais costeiras.
Matute recoñeceu o apoio da súa agrupación ao artigo porque este partido está interesado en pechar a refinería de Petronor, situada en Muskiz, en Bizkaia. Comisións Obreiras indica que non comparte a posición de Bildu pero agradece a claridade da súa posición e desde este sindicato critican a BNG e PSOE por esconderse detrás dunha esperanza de traslado da factoría de Lourizán. Tamén agradecen que Oskar Matute os recibira, mentres que Guillermo Meijón, deputado pontevedrés do PSOE, non o fixo, segundo afirman.
A presidente do comité das Oficinas centrais de Ence Ana Cedeira tamén mantivo un encontro co deputado de Esquerra Republicana de Cantalunya, Gabriel Rufián, para pedirlle que rexeite o artigo da lei ao temer que limitará a permanencia de Ence na ría de Pontevedra.