Comisións Obreiras critica o "paso atrás" do ministro de Xustiza en relación ao indulto de Ana e Tamara

Pontevedra
30 de decembro 2014

O secretario comarcal de Comisións Obreiras en Pontevedra, José Luis García Pedrosa, criticou o "paso atrás" do Ministro de Xustiza, Rafael Catalá, respecto ao indulto de Ana Outerelo e Tamara Vidal, as dúas traballadoras do complexo deportivo de Campolongo que resultaron condenadas a tres anos de prisión por un delito de coaccións no marco dunha protesta laboral

Ana e Tamara entregando máis sinaturas de apoio na Subdelegación do Goberno J.M. Lozano

O secretario comarcal de Comisións Obreiras en Pontevedra, José Luis García Pedrosa, criticou o "paso atrás" do Ministro de Xustiza, Rafael Catalá, respecto ao indulto de Ana Outerelo e Tamara Vidal, as dúas traballadoras do complexo deportivo de Campolongo que resultaron condenadas a tres anos de prisión por un delito de coaccións no marco dunha protesta laboral.

O secretario comarcal de Comisións Obreiras recordou que o pasado 7 de xullo o entón ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, tras reunirse cos secretarios xerais de CC OO e UGT, Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez, se comprometera a estudar as peticións de indulto para 3 sentenzas de 3 anos e un día de prisión a seis sindicalistas por delitos contra os dereitos dos traballadores (pola suposta realización ou participación en piquetes).

Eran os casos das pontevedresas Ana e Tamara e dúas sentenzas condenatorias máis en Vigo e Granada.

"Existía xa un acordo para que os indultos saísen adiante ao rematar o verán pero estanse a alongar excesivamente ata o punto de deixar en evidencia ao PP local que hai mes e medio anunciou a bombo e prato que ese tema xa estaba feito... e aínda seguimos esperando", dixo García Pedrosa.

"Evidentemente sobre o que estaba falado como consecuencia do clamor social e das mobilizacións feitas si que supón un paso atrás sobre unha cuestión que xa estaba máis ou menos dicidida", engadiu o secretario comarcal de CC.OO.

O propio vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda referiuse este luns en Marín á situación de Ana e Tamara insistiu en que a última vez que preguntou pola situación das pontevedresas lle trasladaron dende o Ministerio de Xustiza que "as perspectivas para a concesión do indulto eran positivas" aínda que engadiu "cando se vaia tomar esa decisión ou non, non me corresponde ao meu dicilo".

Alfonso Rueda trasladou o seu desexo de que este indulto chegue "canto antes" e recordou que esta medida de graza conta con todos os pronunciamento favorables, con miles de firmas en favor e o apoio das autoridades políticas e xudiciais de toda Galicia.

CODIGO PENAL

Os sindicatos Comisións Obreiras e UGT esixen ao Goberno a derrogación do artigo 315.3 do Código Penal cumprindo co compromiso do anterior ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, posto que a emenda presentada polo Executivo ao proxecto de Código Penal que se encontra en trámite parlamentario "continúa criminalizar aos piquetes das folgas por exercer un dereito constitucional".

A reforma que impulsa agora o Goberno segue considerando un delito o exercicio deste dereito á folga, aínda que se rebaixa a pena.