O sindicato Comisións Obreiras urxe á Deputación a que explique "sen demora" cal é o plan que ten para a Cidade Infantil Príncipe Felipe.
Segundo explicou a deputada Eva Villaverde, responsable política deste centro, nas negociacións abertas coa Xunta o organismo provincial expuxo a posibilidade de deixar de prestar o réxime de internamento e o servizo de UPA (Unidade de Primeira Acollida) para os mozos conflitivos desviados pola Consellería de Política Social.
Se se materializa esta proposta, Comisións Obreiras sinala que supoñerá "na práctica o desmantelamento do Centro" o que levaría aparellada "a perda duns 100 postos de traballo eventuais, e o mantemento dunha única quenda de traballo, en horario de 7 da mañá a dúas da tarde".
O secretario comarcal de CC.OO, José Ramón Piñeiro, leva tempo denunciando agresións por parte destes mozos conflitivos que sofren outros nenos internos e os funcionarios trasladando estas queixas ao Goberno provincial, e tamén ao Fiscal Xefe, ao de Menores, á delegación territorial da Xunta e á propia Consellería.
Agora Piñeiro indica que é "alarmante" que, "ante a existencia dun problema na prestación de tan importante servizo social, a Deputación non traballe por solucionar o problema e prestar o servizo nas mellores condicións posibles, senón que a opción que se tome sexa, directamente suprimir un servizo".