A Deputación potenciará Príncipe Felipe: "Non hai ningunha discusión sobre o seu futuro"

Pontevedra
04 de xullo 2017

As esixencias da Deputación á Xunta son dúas: que os informes dos traballadores de Príncipe Felipe sexan vinculantes, e cando establezan que non se debe aceptar un menor, este non pode ser remitido desde a Xunta; ou ben que a Xunta cre unha unidade específica propia para o tratamento destas condutas no recinto

José Ramón Couto, César Mosquera e Eva Villaverde
José Ramón Couto, César Mosquera e Eva Villaverde

Como resposta ante as últimas noticias sobre a Cidade Infantil Príncipe Felipe e ás versións "distorsionadas" que se deron desde o Partido Popular e o sindicato Comisións Obreiras e mesmo o PSOE local de Pontevedra, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, compareceu en rolda de prensa para asegurar que "non hai ningunha discusión sobre o seu futuro nin sobre a súa viabilidade".

Este mesmo martes, o Partido Popular denunciou que o goberno provincial non vai renovar o convenio coa Xunta polo que se derivan a menores a este centro o que, ao seu xuízo, supón "o principio do fin" de Príncipe Felipe.

Ademais consideran que esta decisión "non é casualidade" e que xa estaba "premeditada", e por iso a presidenta da Deputación, Carmela Silva expuxo a transferencia do centro na reunión co presidente da Xunta hai catro meses facendo "un paripé" e "sen achegar datos".

A portavoz popular, Nidia Arévalo, afirmou que cando o Partido Socialista e o BNG toman estas decisións "non están a pensar nos 75 menores que están en situación de risco ou de desprotección e que con esta decisión quedan sen fogar, e tampouco nas preto de 100 persoas que perderían o seu traballo".

Finalmente o PP provincial pediu ao goberno de Carmela Silva que ofreza "explicacións ás familias, aos traballadores e ao resto da provincia", porque están "a liquidar" un alicerce fundamental da Deputación.

O problema é que a Xunta "mete a mozos con problemáticas específicas: perigosos, conflitivos, proto delincuentes"

EXPLICACIÓNS DA DEPUTACIÓN

Acompañado da deputada delegada, Eva Villaverde e o director deste centro, José Ramón Couto Fariña, o vicepresidente provincial lamentou esta comparecencia lembrando que "estamos a falar de temas moi sensibles que se deben resolver por vías moi discretas".

O Príncipe Felipe é un centro aberto de acollida de menores con dificultades familiares ou en risco de exclusión, "como non hai ningún en todo o Estado". Está situado en Pontevedra e ocupa unha superficie de 118.000 metros cadrados e alí traballan 229 persoas e ten a 210 menores en acollida, dos que unha terceira parte foron enviados pola Xunta. "A Deputación sempre se sentiu orgullosa deste centro", e dos seus traballadores "aos que habería que facer un monumento".

O "problema" está en que a Xunta, dentro dos nenos que ten no centro, "mete a mozos con problemáticas específicas: perigosos, conflitivos, proto delincuentes" e o que sucede, segundo indicou César Mosquera, é que "agriden ao persoal que hai alí, escapan do centro cando lles parece ben, hai roubos en Pontevedra por parte destes mozos e, o que é máis grave, teñen aterrorizados aos outros 200 nenos que hai alí".

En reiteradas ocasións, con este e co anterior goberno, a Deputación trasladou á Xunta que "a situación é radicalmente insostible" obtendo "a calada por resposta" e "seguen mandando e cada vez máis rapaces deste tipo".

No centro penal da Lama "hai menos incidencias que no Príncipe Felipe"

Púxose en coñecemento da Xunta e da Fiscalía de Menores que estes mozos conflitivos teñen provocado incendios nas instalacións, ameazan con navallas a outros nenos, deron malleiras a veciños, causaron desfeitas no centro, que os traballadores que non aguantan a presión e piden o traslado, que a última agresión sufriuna un educador a pasada semana ao que lle romperon un pómulo, "pero antes déronlle un puñetazo a unha embarazada que non perdeu o fillo de milagre", así nunha longa lista de incidentes.

"Nós queremos acoller a todos os menores que ten a Xunta e máis, non temos ningún problema, pero por favor non nos esnaquice o centro porque iso que se fala agora de bulling é un chiste en comparación co que sucede alí", dixo Mosquera. O vicepresidente provincial chegou a afirmar que no centro penal da Lama "hai menos incidencias que no Príncipe Felipe",  coa diferenza de que "aquí non hai ningún recurso para controlar a eses rapaces nin pode habelo porque non é a súa vocación", dixo.

Mosquera desvelou que ofreceron á Xunta un dos edificios da Cidade Infantil para que habilite nel un centro especial para estes mozos.

En resumo, as esixencias da Deputación son dúas: que os informes dos traballadores de Príncipe Felipe sexan vinculantes, e cando establezan que non se debe aceptar un menor, este non pode ser remitido desde a Xunta; ou ben que a Xunta cre unha unidade específica propia para o tratamento destas condutas no recinto.

O nacionalista foi tallante ao indicar que o executivo autonómico ten sobre a mesa diferentes posibilidades e subliñou que, se non se chega a unha, romperá o convenio asinado coa Consellería de Política Social "por responsabilidade" tanto cos menores como cos traballadores.