Comisións Obreiras protesta polos contaxios en Príncipe Felipe e a Deputación sae en defensa dos dereitos dos menores

Pontevedra
22 de setembro 2020

O sindicato alerta de que os internos e traballadores están en risco de ser contaxiados despois do positivo dun menor que permanece illado no centro e atendido polos traballadores, mentres que o goberno provincial mantén que, ao non ser precisa atención hospitalaria, o enfermo debe ser atendido no seu fogar, Príncipe Felipe, e polos seus coidadores e educadores

Cidade Infantil Príncipe Felipe
Cidade Infantil Príncipe Felipe / Mónica Patxot

O sindicato Comisións Obreiras levou a cabo este martes unha cacerolada na Cidade Infantil Príncipe Felipe coa intención de protestar contra as actuacións da Deputación en materia de prevención do avance do coronavirus, nas que, a entender desta agrupación, poñen en risco de contagios aos internos e aos traballadores deste centro.

As mobilizacións leváronse a cabo despois de que un dos menores dera positivo por Covid-19, o que levou á Deputación, organismo que xestiona este centro, a activar o protocolo Covid-19 polo que puxeron en corentena a outros sete internos e a sete traballadores. No primeiro test practicado deron negativo, pero aínda así manteranse en illamento durante as dúas próximas semanas.

Con motivo da protesta do sindicato, desde a Deputación fixeron público un comunicado no que a deputada responsable da xestión de Príncipe Felipe, Noemí Outeda, mostra a "estupefacción do goberno provincial". Critican que a intención de Comisións Obreiras sexa que os internos que necesiten ser confinados sen necesidade de atención hospitalaria "sexan atendidos por enfermeiros e non polos seus coidadores e educadores".

Ademais da atención sanitaria, que cando non é necesaria a hospitalización, préstaa o equipo médico e de enfermería do centro, a deputada considera que os menores deben ter garantidos tamén outros dereitos como "o afecto, a atención humana, o coidado, a alimentación ou a educación. E iso téñeno que facer sen dúbida os coidadores e educadores", resolveu Outeda ante as queixas do sindicato por expoñer aos traballadores a posibles contagios.

Neste sentido, a deputada asegura que os profesionais dispoñen de todas as medidas sanitarias e de protección para minimar o risco de ser contaxiados.