Complétase o aforo para poder participar na cata de viños do Mosteiro de Poio

Poio
12 de agosto 2020

A cita dará comezo ás 20.30 horas do xoves 13 e permitirá degustar diferentes especialidades de brancos e tintos, incluídos os que se elaboran no propio Mosteiro (albariño e mencía). A actividade, de balde, inclúe un concerto a cargo de Faia

Cata
Cata / Nós Comunicación

O Mosteiro de Poio acollerá na tarde deste xoves 13 de agosto, a partires das 20.30 horas, unha das citas estrela do programa Reinicia o Verán.

Trátase da Cata "Viños da Terra, Viños Atlánticos", a través da cal os asistentes poderán degustar diferentes viños da IXP Ribeiras do Morrazo, así como do Barbanza-Terra de Betanzos.

A expectación que levantou esta actividade foi moi alta, como o demostra o feito de que as 50 prazas ofertadas para tomar parte na iniciativa (o aforo reduciuse a esta cantidade para garantir o cumprimento de medidas de distanciamento e seguridade pola Covid-19) esgotáronse na mañá do pasado martes, pouco despois de abrir o prazo de reservas.

A degustación estará dirixida polo sumiller, enólogo e adegueiro Roberto Regal.

A actividade incluirá tamén unha actuación a cargo de Faia, integrante do grupo De Vacas e que ven de publicar o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín.

As concellerías de Festexos e Cultura, responsables do Reinicia O Verán, lembran que o venres 14 o adro do Mosteiro acollerá o Ciclo Músicas no Ar, coa actuación do quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra (19.30 horas). Esta iniciativa impúlsase a través da Deputación de Pontevedra.

O sábado 14, haberá uha cita de poesía musical na Praza Alfredo Romay de Samieira (21.00 horas), mentres que, xa o domingo, a Praza da Chousa de Combaro será escenario dun espectáculo circense a cargo de Hell Brother’s Cirkonpacto (21.00 horas). Esta programación podería sufrir cambios, en funcións das condicións meteorolóxicas.