Aberta a inscrición para as catas do Túnel do Viño na IXP Ribeiras do Morrazo

Pontevedra
11 de novembro 2021

O sábado 20 de novembro celebrarase, na nova sede do GDR Pontevedra-Morrazo, o primeiro dos túneles do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, onde se degustarán viños de todas as IXP de Galicia, poñendo o foco nas elaboracións da Indicación anfitrioa: Ribeiras do Morrazo

Viñedo da adega Mercedarios-Monasterio de Poio pertencente á IXP Ribeiras do Morrazo
Viñedo da adega Mercedarios-Monasterio de Poio pertencente á IXP Ribeiras do Morrazo

O sábado 20 de novembro celebrarase, na nova sede do GDR Pontevedra-Morrazo (Lugar Os Campos, 19, en Mourente, Pontevedra), o primeiro dos túneles do viño das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia (IXP). Os túneles do viño son espazos de mostra e degustación dos viños amparados baixo o selo das diferentes IXP.

No acto de apertura do Túnel do Viño haberá unha lectura dunha declaración institucional, a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus produtos, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio.

Ao longo do día desenvolveranse catas dirixidas a diferentes perfís: institucións, hostalería, prescritores e público xeral. Degustaranse viños de todas as IXP de Galicia para coñecer as súas características diferenciais, poñendo o foco nas elaboracións da Indicación anfitrioa: Ribeiras do Morrazo.

As degustacións dirixidas ao público xeral celebraranse a partir das 18.30h. As prazas son limitadas e está aberta a inscrición gratuíta a través do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 685 722 084.