Os comuneiros de Mourente aproban a cesión parcial dos terrenos de Príncipe Felipe á Deputación

Pontevedra
15 de xuño 2025
Actualizado: 14:50

O convenio que aprobou a comunidade de montes deixa fóra as vías de acceso ao centro asistencial e ao centro educativo. A parcela ocupada polo Carlos Oroza negociarase coa Xunta

Vista aérea dos terreos do Príncipe Felipe, en Montecelo Google Maps

Tres anos despois de que o xulgado recoñecera que os terreos que ocupa a instalación da Cidade Infantil Príncipe Felipe son comunais, a Comunidade de Montes de Mourente aprobou un convenio para ceder a parcela á Deputación Provincial.

O Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Pontevedra recoñeceu en 2022 o carácter veciñal dos terreos, que foran cedidos polo Concello de Pontevedra á Deputación Provincial. 

Os comuneiros mantiveron este domingo unha concorrida asemblea na Cultural de Mourente e decidiron dar o visto bo ao convenio de cesión de uso das instalacións á Deputación.

Ese convenio fixa unhas condicións semellantes ás asinadas no seu día co Sergas polos terreos do Hospital Montecelo.

Así, o Deputación pagará o mesmo canon que o Sergas e o convenio terá duración indefinida. Manterase mentres a xestión sexa pública e directa.

O convenio establece que unicamente se poderá ceder o uso das instalacións a entidades privadas sen ánimo de lucro ou ONG, aínda que si que permite concesións a empresas privadas dalgúns servizos para o funcionamento interno do centro.

A asemblea condiciona a sinatura do acordo á retirada previa do recurso presentado pola Deputación Provincial no Tribunal Supremo. Tal e como indicaron os comuneiros a través dun comunicado, a institución provincial xa aceptou esta condición. 

O convenio refírese unicamente á parcela de 109.606 metros cadrados actualmente xestionada pola Deputación e onde se leva a cabo o labor asistencial.

Así, queda fóra do acordo a parcela de 19.860 metros cadrados ocupada polos centros educativos e cedida á Consellaría de Educación. A Xunta xa amosou o seu interese en regularizar a situación negociando coa Comunidade de Montes de Mourente un acordo semellante.

Tamén queda fóra do acordo a superficie de 10.000 metros cadrados ocupada polas vías públicas de acceso, tanto ao centro Principe Felipe como ao Carlos Oroza, das que a Deputación se desentendeu alegando que foran transferidas ao Concello de Pontevedra. O Concello nega esta cesión.

A Comunidade de Montes de Mourente considera "irresponsable" esta postura e confía en chegar a un acordo posterior coa Deputación, ben de cesión de uso ou ben de expropiación, pois entende que unha entidade privada non pode ser titular dun viario de acceso a centros públicos e non está disposta a afrontar o seu mantemento.

A asemblea aprobou tamén que se non se chega a un acordo coas administracións, pecharán esta parcela ao uso público para evitar o seu deterioro e a posibilidade de accidentes.

Actualmente este viario é utilizado polos usuarios do centro Príncipe Felipe, polos estudantes e profesores dos centros educativos, polos traballadores e asistentes ás instalacións do Hospital Montecelo e mesmo polas empresas construtoras do Novo Montecelo.