Concedida licenza de obra para renovar o Palacete das Mendoza

Pontevedra
08 de agosto 2025
Actualizado: 9:53

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén obtivo licenza para restaurar a fachada e a cuberta

Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas Juan Mejuto

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu licenza de obra á Deputación para renovar o exterior do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas.

Segundo detallou a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, o orzamento da reforma é de 374.000 euros e o prazo de execución é de tres meses.

A intervención renovará parte da carpintaría exterior, limparanse os muros, ademais doutras obras de accesibilidade e acondicionamento das oficinas.

ANTIGO CONSERVATORIO E BIBLIOTECA

Nesta mesma Xunta de Goberno local tamén se aprobou conceder unha segunda prórroga á empresa Gómez Crespo para as obras de rehabilitacion do antigo conservatorio de música, situado na rúa Alfonso XIII, que se converterá nun centro de creatividade.

Xa fora concedida unha moratoria de seis meses que agora se prolonga por outro cinco máis polo que as obras terminarán o 11 de xaneiro, con marxe suficiente para poder recibir o financiamento europeo comprometido que fixa como prazo o 31 de marzo de 2026.

Nesta mesma rúa Alfonso XIII o edificio da Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén obtivo licenza para restaurar a fachada e a cuberta.

O Ministerio de Cultura destina a esta actuación un orzamento de 787.731 euros.