A alcaldesa accidental de Pontevedra, Eva Vilaverde valorou a activación por parte da Xunta da situación de prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez.
"Manifestamos a nosa satisfacción", dixo este xoves Eva Vilaverde "por fin decrétase esta prealerta, unha semana tarde, tamén é certo", engadiu.
A rexedora accidental espera que con esta decisión do Comité da Seca "por fin se adopten medidas para controlar o caudal do Lérez e garantir o abastecemento da poboación de Pontevedra da súa contorna".
De novo, a edil puxo o foco na "preocupante" situación do Lérez que levaba varios días por baixo do seu caudal ecolóxico de forma estable, sen picos. Así, a media do mércores foi de 1,503 metros cúbicos de auga por segundo, manténdose por baixo do caudal ecolóxico. Chegouse a un mínimo de 1,390 m3/s onte pola mañá e até as 15:30 horas, o que causou gran preocupación.
Con todo, nas últimas horas detectouse un incremento no caudal do Lérez. A alcaldesa accidental vincula esta subida do nivel do río coa comparecencia de onte mércores do concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, na que solicitou á Xunta que ordenase á empresa Ence parar a súa captación de auga do Lérez.
Despois deste anuncio, Eva Vilaverde afirmou que "sorprendentemente, e por obra e graza do Espírito Santo, resulta que pola tarde, a media tarde, empezou a subir o caudal do Lérez" até situarse en 1,713 metros cúbicos de auga por segundo.
Para Eva Vilaverde esta recuperación súbita do caudal suxire unha posible relación directa co aviso público realizado polo Concello este mércores, deixando claro que o caudal ecolóxico do Lérez "depende da captación de ENCE" e está "absolutamente determinado" pola empresa.
Vilaverde explicou que o abastecemento de auga da cidadanía de Pontevedra e a súa contorna non pode estar determinado por unha empresa privada, lembrando, ademais, que non é posible contar con datos oficiais do caudal antes do punto onde a fábrica realiza a súa captación.
A alcaldesa accidental dixo que o Concello non ten información oficial de cal é a captación da fábrica de celulosas. Indicou que, polos datos da propia empresa, sábese que "consome máis do dobre do que consome todo sistema de captación de Pontevedra" que abastece non só á capital, senón tamén a Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu e ao polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas.
Tendo en conta a concesión que ten Ence, o Concello de Pontevedra estima que "capta sobre catro veces máis" que este seis Concellos xuntos.
"Se falamos de 4 veces máis é unha animalada", dixo a alcaldesa accidental que tamén sinalou todas as perdas que ten a canalización que leva a auga ata a factoría de Lourizán. Unha captación que, segundo insistiu, "determina absolutamente o caudal ecolóxico do Lérez a día de hoxe e por tanto a viabilidade do abastecemento dos Concellos da comarca".
Fronte a isto, Eva Vilaverde asegurou que o sistema municipal é "moi forte" con "perdas mínimas" na canalización e lembrou que aínda que existe a reserva do Pontillón do Castro "hai que seguir tendo prudencia" e non gastar auga de maneira "innecesaria".