O Concello de Marín incorpora a consulta do estado de expedientes municipais na 'carpeta cidadá'

Marín
24 de febreiro 2025

Trátase dunha mellora na dixitalización para mellorar a accesibilidade aos servizos públicos dixitais. Funciona como un espazo propio no que se intercambian datos sobre os expedientes abertos

Unha muller cun ordenador Ministerio de Trabajo

O Concello de Marín implantará o sistema de 'carpeta cidadá', creado pola Administración Xeral do Estado e que permitirá mellorar a seguridade, a velocidade e a ampliación dos servizos ofrecidos á cidadanía.

A 'carpeta cidadá' funciona como un espazo propio no que se intercambian datos sobre os expedientes abertos dos interesados e os seus representantes, facilitando moito o acceso estandarizado a todas as xestións.

O desenvolvemento informático que suporá a implementación desta ferramenta chegará á Casa Consistorial, ás dependencias da Policía Local, ao Museo Manuel Torres e as oficinas de Méndez Núñez, á Casa Principal de Briz (onde están Servizos Sociais e o CIM), á Escola Municipal de Música, á Sacoa (nave de servizos das Brigadas) e á Biblioteca Municipal.

Do proceso de licitación resultou adxudicataria a empresa Ednon SL, que será a encargada de realizar o despregue, o que suporá unha inversión de máis de 82.000 euros.

Este proxecto conta coa financiación do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, financiado por la Unión Europa NextGeneration EU.

A dixitalización das administracións públicas é unha necesidade cada vez maior, para poder ofrecer á cidadanía a comodidade e as ferramentas óptimas de cara ás xestións que deben facer coas institucións.

Nesa liña, desde o Concello de Marín xa se levan aplicado varias melloras a nivel tecnolóxico e dixitalización de recursos. Unha delas, e que tamén entronca coa defensa e protección do Patrimonio público, é a dixitalización de todo o arquivo municipal, que se foi levando a cabo por fases e que permite ter categorizada en arquivos dixitais toda a documentación institucional, o que facilita a consulta e crea unha copia de seguridade a maiores dos papeis físicos.

No que respecta ás persoas usuarias, mellorouse a sede electrónica e estase ofrecendo un servizo de creación e renovación do certificado electrónico, que é unha ferramenta esencial para facer trámites en liña, tanto para as persoas a nivel individual como para as asociacións, empresas, comisións de festas... que se relacionan con frecuencia coa administración local.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora