A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra adxudicou a asistencia técnica para a elaboración do proxecto de integración urbana da ponte de Santiago e da contorna e conexión coa Rúa Serra.
O estudo pontevedrés Santos-Mera Arquitectos conta cun orzamento de 15.000 euros para elaborar unha proposta de deseño nun prazo de seis meses.
A tenente de alcalde, Eva Villaverde, informou desta decisión adoptada este xoves polo goberno local. Trátase dunha obra á que levaban tempo "tentando meterlle o dente" ao considerar que esta zona da cidade "merecía un tratamento".
Segundo explicou Eva Villaverde, o ámbito de actuación sería a cabeceira sur da ponte de Santiago e o seu entroncamento coas vivendas sociais da Rúa Serra.
Incluirá tamén a zona onde estaba antes o quiosco de Cogami que xa foi retirado.
O Concello planea unha actuación integral que mellore a mobilidade e accesibilidade e que inclúa o acondicionamento da parcela de 800 metros cadrados situada entre os edificios da rúa Serra e a avenida de Bos Aires que xa é de titularidade municipal tras unha cesión gratuíta realizada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
A recuperación desta zona de estancia pública é "unha actuación moi demandada pola veciñanza", segundo trasladaron os propios residentes ao Concello en diferentes reunións.
Eva Villaverde indicou que o novo deseño terá que corrixir os problemas de mobilidade existentes, entre outros, os pasos de peóns están en zigzag e os peóns non poden cruzar a ponte de Santiago nesta cabeceira.
En principio, non se contemplan cambios no tráfico.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.