A tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, compareceu este xoves para dar conta dos acordos adoptados na Xunta de Goberno celebrada a primeira hora da mañá, cun asunto que volveu situar o proxecto do parque eólico da Serra da Fracha no centro do debate político e social.
O goberno municipal decidiu presentar ante a Xunta de Galicia un requirimento previo para solicitar a anulación da resolución aprobada o pasado 25 de novembro de 2025 pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se concede a autorización administrativa previa para a construción deste parque eólico.
É un paso que o Concello considera necesario ao entender que o procedemento non tivo en conta as alegacións presentadas pola administración local.
O proxecto, promovido por Eólica Santa Teresa (filial do grupo Enermol), supón un investimento superior aos 7,2 millóns de euros e prevé a instalación de dous aeroxeradores cunha potencia total de 8,4 megawatios e unha produción anual estimada de 27.824 MWh.
As instalacións repartiranse entre os concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas.
Precisamente desde Ponte Caldelas, o seu alcalde, Andrés Díaz, xa anunciara a presentación dun recurso de alzada para solicitar a paralización inmediata do proxecto.
No caso de non obter resposta favorable por parte da Xunta, o Concello recorrerá á vía contencioso-administrativa xunto coa Comunidade de Montes de Baltar, principal afectada, ante o temor de que as obras poidan prexudicar mananciais e fontes de auga da zona.
Pola súa banda, o Concello de Pontevedra xa presentara alegacións durante o trámite de información pública. Segundo explicou Vilaverde, aínda que os aeroxeradores non se localizan dentro do termo municipal, o proxecto afecta a terreos de protección forestal de titularidade municipal, o que xerou preocupación entre as comunidades de montes limítrofes polo impacto paisaxístico e pola proximidade ás vivendas e aos montes comunais.
"Estamos a falar de terreos do parque forestal da Fracha, un espazo no que este Concello investiu moitos cartos en colaboración coa comunidade de montes", lembrou a tenente de alcalde, que tamén advertiu dun "impacto severo sobre os miradoiros" da zona.
Vilaverde denunciou ademais que o Concello non recibiu resposta ás alegacións presentadas e que o procedemento continuou adiante ata a aprobación definitiva do proxecto.
"Intuímos que houbo modificacións e trámites dos que non tivemos constancia porque non se nos notificou nin a documentación nin os pasos seguidos, polo que nos sentimos indefensos", afirmou.
Ante esta situación, o goberno local optou por presentar un requirimento de anulación da resolución, ao considerar que non se axusta a dereito.
"Entre administracións non podemos presentar un recurso de alzada, pero si un requirimento previo, xa que entendemos que non se nos tivo en conta nun proxecto que afecta a terreos municipais con especial protección", concluíu Vilaverde.