O Concello reforza o seu sistema social con máis axudas, prevención de desafiuzamentos e cobertura total de gastos básicos

Pontevedra
26 de xuño 2026

Gulías anunciou un aumento de axudas para alimentación e subministracións básicas, e avanzou que prevén pechar un acordo cos colexios de Odontoloxía e de Psicoloxía para cubrir os servizos esenciais

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías Concello de Pontevedra

O pasado 26 de maio, o Concello de Pontevedra convocou a comisión de seguimento das axudas de emerxencia social, un órgano previsto na ordenanza municipal e que, segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, reuniuse por primeira vez de maneira formal.

Fíxoo para analizar o estado do sistema, expor melloras e servir de base para presentar a actualización duns criterios que non se modificaban desde 2018.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, Gulías enmarcou estes cambios dentro do sistema municipal de protección social, orientado a atender necesidades básicas en situacións excepcionais.

Este modelo articúlase a través das axudas de emerxencia social, a renda social e a rede de inclusión mediante convenios con entidades como Cáritas ou Rexurdir, ou dispositivos como o protocolo de frío, ao que se sumará proximamente un protocolo de calor.

A reforma da ordenanza busca dar resposta ao encarecemento da cesta da compra, mateniendo o salario mínimo interprofesional como referencia de ingresos, en lugar do IPREM.

"Isto permítenos atender máis necesidades e tamén a persoas que, aínda cobrando o salario mínimo, están en situación de precariedade", subliñou a concelleira.

Entre as principais melloras destaca o incremento das axudas destinadas a alimentación e produtos básicos, con contías elevándose de 180 a 300 euros para persoas soas; de 250 a 400 euros en unidades familiares de dous membros; de 320 a 500 nas de tres; de 380 a 600 nas de catro; de 430 a 700 nas de cinco; de 480 a 800 nas de seis; e de 530 a 900 euros no caso de sete ou máis membros.

En materia de vivenda, o Concello reforza a prevención de desafiuzamentos, permitindo actuar sen necesidade dun aviso formal mediante o pago de débedas de aluguer.

Se o desaloxo chega a executarse, as axudas cubrirán a fianza, a primeira mensualidade dun novo aluguer e o aloxamento temporal en establecementos hoteleiros.

As axudas enerxéticas amplíanse de tres a seis mensualidades para o pago de luz e gas, incluíndo ademais os custos necesarios para restablecer a subministración en caso de corte.

Por primeira vez, tamén se poderán financiar os comedores escolares durante todo o curso e en períodos vacacionais, en función da valoración dos servizos sociais.

Outra das novidades é o aumento até o 100% do financiamento en gastos sociosanitarios, tanto para persoas sen cobertura da Xunta como para complementar axudas insuficientes.

Esta porcentaxe completa aplicarase igualmente á adquisición de mobiliario básico e ao acondicionamento sanitario das vivendas. Ademais, o Concello asumirá de forma urxente o custo de prazas en centros de día e residencias mentres se resolven as prestacións de dependencia autonómicas.

Gulías destacou a axilidade do servizo, que tramita as axudas urxentes en 72 horas e resolve as ordinarias nun prazo medio dun mes, con dez días para a emisión do informe social. O departamento conta con 14 traballadoras sociais, ademais de persoal técnico e administrativo.

En canto á evolución da demanda, as solicitudes creceron nos últimos anos, pasando de 48 en 2023, 72 en 2024 e 86 en 2025, mentres que no que vai de 2026 rexistráronse 27. As axudas concedidas foron 39 en 2023, 56 en 2024, 77 en 2025 e 13 no que vai de ano.

Finalmente, a concelleira avanzou que en setembro está previsto pechar un acordo co Colexio de Odontoloxía para atención bucodental a prezos adaptados, mentres que xa se traballa noutro co Colexio de Psicoloxía para facilitar o acceso á saúde mental.

Ademais, estudarase de cara ao próximo ano un convenio con optometristas, proposto polo Partido Popular.