O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a directora recursos económicos do Sergas, Amparo Pousada e a xefa do servizo de patrimonio do Sergas, Mercedes Carracedo, asinaron este mércores ante notario en Santiago, a recepción dos terreos para o novo centro de saúde de Soutomaior.
Trátase dun proxecto "estratéxico, clave e prioritario" para o concello de Soutomaior.
Por este motivo dende o goberno local piden á Xunta de Galicia que se inicie a contratación do novo centro de saúde "canto antes".
Manu Lourenzo valora de xeito positivo os acordos co Sergas, que reverterán en beneficio de toda a cidadanía "sendo conscientes de que a situación sanitaria no concello é insostible".
Por iso o alcalde pediu hoxe "celeridade e que se cumpran os prazos xa que este centro de saúde e o persoal sanitario son máis que necesarios para garantir que a veciñanza teña a sanidade pública que merece".
Lourenzo tamén dixo nesta xornada que "dende o goberno local non aforraremos esforzos en facer que este centro de saúde sexa unha realidade canto antes".
O alcalde engadiu que "queda traballo por diante, pero tras esta recepción dos terreos estamos un paso máis cerca de que se mellore a atención sanitaria no noso concello".
"Agora toca actuar con responsabilidade e estar atentos a que se cumpran os compromisos coa veciñanza de Soutomaior, que é o prioritario", engadiu.