O alcalde de Poio, Ángel Moldes, mantivo unha reunión de traballo con técnicos da Xunta, a empresa redactora do proxecto e representantes veciñais para avanzar no deseño da nova senda peonil na estrada autonómica PO-303, ao seu paso por Samieira.
O encontro, que tivo lugar na zona, pretendía comprobar as necesidades reais do lugar para integralas no proxecto desde o seu inicio.
"A veciñanza coñece mellor que ninguén cales son as necesidades e os problemas que debemos solucionar, e son eles os que, unha vez executadas as obras, van convivir co proxecto, así que é fundamental traballar e avanzar da man", explicou Moldes.
Durante a reunión, sinalou o rexedor, escoitaron as propostas, opinións e consideracións dos veciños para este proxecto impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
O alcalde destacou o "diálogo constante e fluído" entre Xunta, Concello e veciños, subliñando o obxectivo de lograr un proxecto "sensible coa contorna e dialogado cos veciños".
En canto á obra, a senda terá unha lonxitude de máis de 1,2 quilómetros e busca mellorar a seguridade e a mobilidade sostible na parroquia, conectando Tarrío e Arén.
Concretamente, a intervención centrarase no tramo entre os puntos quilométricos 0+540 e 1+780, estendendo o ámbito orixinal para incluír un acceso peonil seguro ao lavadoiro público e ao núcleo de Arén.
A senda, con pavimento de formigón en cor e un ancho mínimo de 1,80 metros, garantirá a accesibilidade e incluirá a reposición de servizos afectados.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.