Un grupo de integrantes da Plataforma que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, achegouse este venres ás portas do Hospital Provincial de Pontevedra para denunciar "a situación límite na que se atopa a atención sanitaria no concello de Marín" e entregar "o carbón e outros agasallos que os Reis deixaron para o xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias".
Dende a Plataforma afirman que fan este acto simbólico porque "a situación é máis grave do que está trascendendo" e critican "unha política sanitaria suicida que leva á sanidade pública ao límite, aos profesionais ao esgotamento e ás veciñas e veciños á desesperación".
A Plataforma sinala que levan semanas denunciando que en medicina de familia hai cupos con esperas entre 15 e 22 días para consulta tanto de mañá como de tarde e que, "día si e día tamén", non hai ningún persoal médico na quenda ordinaria de tarde, cando corresponderían 3 facultativos para atender 4.000 persoas.
A portavoz desta Plataforma, Iria Aboi, engade que "en pediatría a situación é gravísima, o habitual é que se anulen as citas. Non está a haber controis, nin revisións de idade ordinarias das crianzas. Só hai 1 pediatra de 4, para 3500 menores, e só atende urxencias ata as 14h. A partir desa hora, as familias teñen que ir ás urxencias do PAC Marín, a ver se hai médico ou directamente ao Hospital Provincial".
Por último lembraron que o día 4 de febreiro estarán na manifestación de todas as Plataformas e SOS Sanidade en Santiago de Compostela e que a partir da semana que vén difundirán os autobuses e convidan "a que todo o mundo se sume para amosar que estamos fartas/os de que se xogue co seu dereito á saúde".