Concentración contra a reforma fiscal que mantén o cobro aos emigrantes retornados

Pontevedra
02 de outubro 2014

Os emigrantes retornados lamentan que se lles siga tratando como defraudadores e reclaman que se lles aplique o límite de 22.000 euros anuais para facer a declaración, como ao resto de contribuíntes

Concentración de emigrantes retornados ante a Delegación de Facenda
Concentración de emigrantes retornados ante a Delegación de Facenda / PontevedraViva
Protesta dos emigrantes retornados polo cobro do Ministerio de Facenda /

Un grupo de ao redor de 20 emigrantes retornados concentráronse ante a Delegación de Facenda durante este mediodía para mostrar o seu rexeitamento á reforma fiscal prevista para xaneiro. A representante do colectivo, María Esther Crespo, mostrou o malestar derivado de que na nova normativa se siga aplicando a retroactividade.

Os emigrantes retornados móstranse satisfeitos porque se rexeitasen as multas que se lles impoñían inicialmente pero seguen denunciando que a estes afectados se lles reclamen, nalgúns casos, preto de 12.000 euros cando son persoas xubiladas que, en ocasións, están a axudar aos fillos en situación de desemprego.

Por este motivo, anuncian que manterán un calendario de concentracións para que non se aprobe a reforma fiscal con estas condicións. Pretenden que, igual que no caso do resto de contribuíntes, non teñan que declarar se os seus ingresos anuais non superan os 22.000 euros.