Concentración contra o asasinato machista da viguesa María José Rodrigues

Pontevedra
31 de outubro 2015
Actualizado: 01 de novembro

Medio cento de persoas concentráronse ante a Audiencia Provincial este sábado 31 para lembrar á muller de 71 anos, sexta vítima da violencia machista en Galicia durante este 2015

Concentración convocada pola Plataforma Feminista Galega pola sexta vítima da violencia machista en Galicia PontevedraViva

A Plataforma Feminista Galega en Pontevedra reuniu máis de medio centenar de persoas ante a Audiencia Provincial durante a noite deste sábado 31 para manifestar a súa repulsa ao último asasinato machista, o rexistrado en Vigo e que terminou coa vida de María José Rodrigues de 71 anos de idade.

As integrantes do colectivo foron nomeando a todas as vítimas de violencia de xénero durante este ano e depositando cartolinas nas que se podía ler "Estannos matando" e "Violencia Machista, cuestión de Estado", ademais de folios de cor violeta cos nomes de cada unha das mulleres asasinadas.

A portavoz da plataforma destacou os seis crimes que levan rexistrados en Galicia durante este 2015. Na concentración estiveron presentes a concelleira do BNG, Pilar Comesaña, o portavoz do grupo municipal socialista, Agustín Fernández e varios integrantes de Marea Pontevedra.

O acto de recordo finalizou coa reclamación de máis recursos das administracións públicas para facer fronte a esta grave problemática e sinalando que ningún asasinato é apaixonado. 

PANCARTA EN MARÍN

O Concello de Marín colgou tamén unha pancarta reivindicativa en el edificio municipal como recordo ás vítimas de violencia de xénero. A Mesa contra a violencia, o Consello da Muller, o CIM e o Pleno da Corporación acordaron ter este lema exposto durante todo o mes de novembro para sensibilizar os cidadáns contra esta lacra social.