"Galiza non ten rei. Por unha república galega". Así rezaba a pancarta que presidiu este sábado a concentración de protesta convocada pola presenza do rei emérito Juan Carlos I en Saxenxo.
A protesta estaba convocada por Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, e contou coa presenza do único deputado do partido nacionalista no Congreso, Néstor Rego.
"Rexeitamos a monarquía por ser un réxime inxusto, que fai prevalecer os privilexios por nacemento dunha familia e que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español", asegurou Rego lembrando que "xa temos manifestado o noso rexeitamento tamén no Congreso dos deputados nas dúas visitas anteriores, non é tolerable que o goberno dun Estado que se di democrático permita que unha persoa que marchou del fuxindo da xustiza volva cando queira, impune e sen ser xulgado polos seus delitos".
Pola súa banda a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, afirmou que "a monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo, todos os sucesos que a rodean demóstrano e que o rei fuxido pasee por Galiza impunemente aínda máis".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.