Concentración diante da Residencia Soremay polo despedimento dunha delegada da CIG

Pontevedra
05 de xaneiro 2023

Denuncian a represión sindical por parte da dirección do centro de atención á terceira idade. Alertan de que manterán unha nova protesta o mércores 11 ás 12.00 horas para demandar a nulidade da rescisión de contrato "inxusta e arbitraria" dunha traballadora delegada do sindicato nacionalista

Protesta de representantes de Servizos da CIG na residencia Soremay
Protesta de representantes de Servizos da CIG na residencia Soremay / CIG

Representantes da federación de Servizos do sindicato CIG de Pontevedra concentrábanse este xoves diante da residencia de terceira idade Soremay no barrio do Gorgullón en Pontevedra. Denuncian o despedimento dunha delegada do sindicato nacionalista no comité de empresa e acusan á dirección da entidade de "represión sindical".

Sinalan que os servizos xurídicos da CIG traballan no recurso para reclamar a nulidade da rescisión do contrato ao entender que é "inxusta e arbitraria". Iván Veiga, de CIG-Servizos, afirma que se trata dunha decisión sen fundamento laboral ao non constar queixa con anterioridade ao despedimento.

Entenden que se trata dunha represalia polo labor sindical da traballadora, que se viu sometida a presións tanto pola xerencia como por outras delegadas doutros sindicatos, expoñen. O cambio na dirección da residencia no mes de xuño de 2022 provocou un "acoso e unha persecución constante" da traballadora.

Denuncian que as delegadas de CCOO e UXT, con maioría no comité de empresa, pretendían acordar coa dirección cuestións que empeoraban o convenio colectivo e a oposición da representante da CIG provocou esta situación. 

Anuncian que volverán concentrarse o mércores 11 ao mediodía, diante da residencia Soremay, en Pedro Sarmiento de Gamboa.