Readmitida a delegada da CIG que fora despedida da residencia Soremay

Pontevedra
30 de maio 2023

A dirección da empresa recoñeceu a improcedencia da rescisión de contrato e decidiu readmitila antes de que se celebrase o xuízo, segundo indica a central nacionalista

Concentración da CIG ás portas da residencia de Soremay para esixir a readmisión dunha traballadora despedida
Concentración da CIG ás portas da residencia de Soremay para esixir a readmisión dunha traballadora despedida / Mónica Patxot

A delegada do comité de empresa da residencia da terceira idade Soremay de Pontevedra que fora despedida en 2022 pola súa actividade sindical foi admitida, segundo indica a Federación de Servizos da CIG de Pontevedra.

A dirección do centro, segundo as mesmas fontes, recoñeceu a improcedencia da rescisión do contrato e decidía readmitir a traballadora antes de que se celebrase o xuízo que estaba previsto para o 24 de maio.

A CIG avalía positivamente a decisión ao entender que o despedimento só respondía á intención de "perseguir o traballo sindical da nosa compañeira Sandra Iglesias".

Desde esta central mantiveron desde o inicio do conflito que a rescisión do contrato era un "claro caso de represión sindical" ao entender que se trataba dunha decisión "inxusta e arbitraria" e sen fundamento, agravada desde o cambio de dirección na residencia sinalando que a traballadora sufriu "acoso e unha persecución enorme", accións que relacionan co traballo sindical que realizaba a empregada.