Protestas na empresa téxtil Vertifil de Moraña polo despedimento de persoal

Umia
26 de xuño 2023

Representantes sindicais de CIG e CUT, denuncian que a entidade pertencente ao Grupo Vertisol despide seis traballadores sen dar opción a outras alternativas nin negociacións previas

Protesta polos despedimentos en Vertifil
Protesta polos despedimentos en Vertifil / CIG

Traballadores e representantes sindicais de CIG e CUT concentrábanse este luns durante unha hora para mostrar a súa oposición aos seis despedimentos que a empresa Vertifil de Moraña levou a cabo nos últimos días.

A empresa téxtil situada no polígono de Mirallos pertence ao Grupo Vertisol e, segundo os representantes sindicais, despide este grupo de traballadores sen dar opción a outras alternativas, polo que entenden que buscan reducir o persoal.

A decisión era adoptada pola dirección da entidade o 12 de xuño, segundo os sindicatos, sen que se produciran negociacións nin comunicación ao comité de empresa. Só nesa xornada informouse da intención de acometer os despedimentos de maneira inmediata.

Segundo as mesmas fontes, a dirección da empresa sostén que os despedimentos obedecen a causas económicas e produtivas e que non cabe ningunha negociación ou acordo co comité sen opción de buscar medidas a curto ou a medio prazo.

Ante esta situación, os representantes dos traballadores decidiron, en asemblea, establecer un calendario de protestas que se iniciaban este luns 26. Demandan a readmisión.