Moraña completará as redes de saneamento do polígono de Mirallos

Umia
02 de outubro 2023

Esta actuación, que ten un investimento de 156.347 euros, busca mellorar as condicións deste polígono "para as industrias que están e as que poidan vir", xa que para o alcalde son un "elemento clave" para fixar poboación e seguir fortalecendo o municipio

Polígono industrial de Mirallos, en Moraña
Polígono industrial de Mirallos, en Moraña / Concello de Moraña

O polígono industrial de Mirallos, en Moraña, completará a principios de 2024 a súa rede de saneamento. Así o anunciou o alcalde, Sito Gómez, que adiantou que as obras para modernizar este sistema comezarán a próxima semana e teñen un prazo de execución de tres meses.

Esta actuación, que ten un investimento de 156.347 euros, busca mellorar as condicións deste polígono "para as industrias que están e as que poidan vir", xa que para o alcalde son un "elemento clave" para fixar poboación e seguir fortalecendo o municipio.

Na actualidade, o polígono de Mirallos conta cun servizo de saneamento intermitente que non se pode considerar como unha rede integral e ademais non chega a todas as parcelas.

Co novo proxecto, o saneamento arrancará na entrada do polígono no entronque coa estrada PO-221 e conectarase co colector das Teixugueiras, transcorrendo en dirección norte e oeste para ofrecer este servizo a todas os predios e naves existentes.

A rede incluirá o servizo ás instalacións municipais, entre elas a piscina e o campo de fútbol.

A obra contará cunhas calicatas previas para comprobar o estado dos servizos existentes e a apertura de gabias de 3,5 metros de profundidade para instalar colectores e canalizacións de PVC e os pozos de rexistro, así como as acometidas de augas residuais á rede xeral. 

De xeito paralelo, procederase á dotación dunha liña separativa de augas pluviais, con conexión ás baixantes existentes e arquetas, á renovación e finalización do alumeado público nos lugares onde falta e á reposición do firme dos viais do polígono.