O pavillón de Santa Lucía terá nova cuberta antes do inverno

Umia
11 de outubro 2023

A actuación consiste na substitución do teito de chapa metálica por outro de panel sandwich con envolvente térmica que mellorará as condicións interiores no inverno e o verán e evitará a reverberación acústica

Pavillón multiusos de Santa Lucía
Pavillón multiusos de Santa Lucía / Concello de Moraña

O Concello de Moraña comezou as obras do proxecto de mellora integral da eficiencia enerxética do pavillón multiusos de Santa Lucía, que consistirá no cambio da súa cuberta para que esta instalación dispoña de mellores condicións térmicas e acústicas. O investimento é de 150.000 euros.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, supervisou este mércores o arranque dos traballos de modernización desta instalación deportiva acompañado doutros membros do goberno local e anunciou que a actuación estará finalizada antes do inverno, xa que conta cun prazo de execución dun mes.

Esta mellora, financiada ao amparo da partida adicional para municipios de menos de 15.000 habitantes do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, supoñerá a retirada da actual cuberta existente de chapa metálica e a posterior colocación dunha envolvente elaborada con panel sandwich metálico de 40 milímetros de grosor en illamento térmico.

O novo teito corrixirá a reverberación e evitará os problemas de frío no inverno e de sobrecalentamento durante os meses de verán.

"A vella chapa xa non protexía adecuadamente das inclemencias meteorolóxicas e chegou o momento de cambiala para que os mozos do colexio, xa que este é o pavillón anexo empregado pola comunidade educativa, e os demais usuarios poidan gozar do deporte nas mellores condicións", sinalou o rexedor.