As obras de mellora de eficiencia enerxética nos dous pavillóns municipais de Moraña finalizaron, despois dunha renovación das cubertas cun investimento próximo aos 200.000 euros, segundo informa o goberno local.
Sito Gómez, alcalde de Moraña, visitaba as instalacións coa tenente de alcalde, Luisa Piñeiro. Percorrían a actuación no polideportivo municipal, anexo ao circuíto pump-track e ambos mostraban a súa satisfacción polos traballos acometidos.
No polideportivo, cun investimento próximo aos 50.000 euros, cambiouse o teito no soportal de acceso e nun dos laterais do recinto para evitar filtracións e humidades. A obra, segundo indicaron, permite mellorar a sensación térmica no interior deste espazo.
No pavillón multiusos de Santa Lucía, situado no interior do colexio público, renovouse a cuberta e a súa envolvente exterior de forma integra. O investimento ascende a case 150.000 euros, financiado por unha partida do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.
Esta mellora evita reverberacións de son e os problemas de frío no inverno e de altas temperaturas durante os meses de verán.
Foi necesario instalar outra cuberta de última xeración. Segundo o goberno local, agora realizaranse labores de limpeza e acometeranse pequenos axustes no sistema eléctrico para que toda a obra estea plenamente dispoñible.