En marcha a limpeza integral das estradas provinciais de Santa Xusta e Laxe

Umia
05 de outubro 2023

A Deputación de Pontevedra está a acometer a limpeza integral e o acondicionamento da estrada provincial EP-8201, que pasa principalmente pola parroquia de Santa Xusta, e seguirá coa EP-8202, que transcurre pola de Laxe, tal e como demandou o Concello de Moraña que tamén pediu que se dea continuidade a estas actuacións

O alcalde de Moraña supervisou a limpeza da estrada provincial entre Santa Xusta e Laxe
O alcalde de Moraña supervisou a limpeza da estrada provincial entre Santa Xusta e Laxe / Concello de Moraña

A Deputación de Pontevedra está a acometer a limpeza integral e o acondicionamento da estrada provincial EP-8201, que pasa principalmente pola parroquia de Santa Xusta, e seguirá coa EP-8202, que transcurre pola de Laxe, tal e como demandou o Concello de Moraña que tamén pediu que se dea continuidade a estas actuacións. 

Os traballos consistiron na limpeza completa das cunetas co baleirado da terra acumulada para telas listas para as escorrentías das choivas ante a próxima chegada do inverno e nos desbroces de maleza e vexetación das marxes laterais. Estas mesmas tarefas desenvolveranse de seguido na estrada EP-8202 no treito entre a zona do Souto e Penagrande ao seu paso por Pumariño, todas elas pertencentes á parroquia de Laxe.

Cómpre sinalar que, con anterioridade, o organismo provincial xa fixera estes traballos nas vías da súa titularidade na parroquia de Amil e o alcalde de Moraña, Sito Gómez, trasladou á Deputación estas novas necesidades na rede de estradas da zona leste do municipio.

Sito Gómez comprometeuse a que o goberno local seguirá a traballar nesta materia para detectar todas as necesidades das pistas do rural e solucionalas no prazo máis breve posible "imos facer un percorrido exhaustivo por todas para coñecer o seu estado exacto e pedir máis limpezas urxentes se fora necesario", dixo o alcalde.