Protesta da CIG fronte AEMPE polo V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva

Pontevedra
01 de xuño 2023

Despois de manter unha asemblea, representantes sindicais da central nacionalista desenvolveron unha protesta diante da sede da Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra. Rexeitan o pacto asinado entre os sindicatos CCOO e UGT con CEOE e CEPYME coa patronal porque entenden que limitará a suba dos salarios

Concentración da CIG diante da sede de AEMPE
Concentración da CIG diante da sede de AEMPE / Mónica Patxot

Tras manter unha asemblea matinal nos locais sindicais, representantes da CIG concentrábanse este xoves ante a sede da asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (AEMPE) en Virxe do Camiño.

Alí protestaron polas consecuencias que o sindicato nacionalista entende que vai propiciar o V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva, que asinaron as centrais CCOO e UXT con CEOE e CEPYME. 

Consideran que limitará a subida dos salarios e freará as mobilizacións en demanda de melloras nas condicións laborais e económicas, coa posibilidade de que se privatice a sanidade pública a favor das mutuas de seguros. 

Desde a CIG afirman que o incremento do 3% pactado ofrece unha trampa ao limitar a revisión salarial anual ao 1%, mesmo se o IPC resulta superior e nin sequera xera atrasos, de maneira que só aplicaríase o 1 de xaneiro do ano seguinte.  

Afirman tamén que este acordo fomentará a precariedade e a inestabilidade ao institucionalizar, con períodos de proba, o despedimento libre e gratuíto.