Concentración dos traballadores de Diario de Arousa para denunciar "reiterados atrasos" nos salarios

O Salnés
03 de novembro 2014

Partidos politicos, sindicatos e representantes de distintos sectores económicos e sociais da comarca de Arousa apoiaron este luns os traballadores, que denuncian atrasos no pagamento das nóminas dende hai varios meses e que a empresa lles debe o pagamento dunha paga extra e a metade doutra. Están actualmente no segundo ERTE

Concentración dos traballadores de Diario de Arousa
Concentración dos traballadores de Diario de Arousa

Partidos politicos, sindicatos e representantes de distintos sectores económicos e sociais da comarca de Arousa apoiaron este luns os traballadores de Diario de Arousa na concentración convocada para "denunciar os reiterados atrasos no pagamento dos salarios" do equipo.

A concentración repetiuse en todas as localidades nas que teñen a súa sede as cabeceiras do grupo xornalístico La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Deporte Campeón e Diario de Arousa), pois a política laboral que denuncian os traballadores e sindicatos é, segundo aseguran, común a todo o grupo.

No caso do diario arousano, os traballadores denuncian atrasos no pagamento das nóminas dende hai varios meses e que a empresa débelles o pagamento dunha paga extra e a metade doutra. A situación complícase se se ten en conta os continuos recortes de salario que sufriron nos últimos meses e que están actualmente no segundo Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE).

Ademais, os profesionais sinalan que a empresa "ameaza" con máis recortes sen que, a cambio, os traballadores vexan que teña un plan que garanta a vialidade do xornal.

A concentración realizada na mañá deste luns contou coa presenza dos traballadores (na actualidade hai 17 profesionais e o equipo directivo) e, en apoio e solidariedade, voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía, sindicatos sanitarios, traballadores de Lantero e a residencia Valle Inclán, hostaleiros, sindicalistas de CIG e UGT e representantes de partidos políticos como PSdeG-PSOE, BNG, Esquerda Unida, Podemos e Somos Maioría.

Ademais, o equipo recibiu o respado do Sindicato de Xornalistas de Galicia, que se solidariza coas súas "xustas" reivindicacións e esixe á empresa "que cumpra cos traballadores do mesmo xeito que eles están a cumprir coa empresa nos seus postos de traballo" e "lles dean aquilo que lles pertence por pleno dereito, que son os seus soldos íntegros". Ademais, reclaman un plan de viabilidade consensuado entre a empresa e os representantes dos traballadores para asegurar a viabilidade da mesma e o mantemento dos postos de traballo en condicións dignas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora