Concentración en Barro en repulsa polo homicidio de Jessica Méndez, "vítima do seu acosador"

Pontevedra
20 de marzo 2022

Está previsto que o detido pase a disposición xudicial na mañá deste luns nos xulgados de Caldas de Reis. Ás 20.00 horas, convocouse de forma espontánea unha concentración en repulsa. A idea xurdiu dunha persoa moi próxima á falecida, correuse a voz e acabou convocándose oficialmente

Flores no lugar do accidente que causou a morte de Jessica Méndez
Flores no lugar do accidente que causou a morte de Jessica Méndez / Mónica Patxot

"Jessica foi vítima do seu acosador". Así o sostén, sen ningún xénero de dúbidas, unha persoa próxima á contorna de Jessica Méndez, a moza de 29 anos natural de Barro, aínda que veciña de Pontevedra, que faleceu o venres como consecuencia das feridas sufridas nun accidente de tráfico o día anterior

Jessica Méndez faleceu tras un accidente de tráfico, pero as primeiras investigacións da Garda Civil de Pontevedra conclúen que a súa morte non foi accidental, senón provocada. Matouna, segundo todos os indicios, José  Eirín, un veciño da casa familiar de Barro que a coñecía desde hai anos e que levaba moito tempo acosándoa. O xoves chocou co seu coche nun cruzamento en Porráns e, segundo todos os indicios, fíxoo á mantenta e con intención de, como mínimo, causarlle danos graves. Finalmente, matouna. 

De momento, o ocorrido segue en investigación e está previsto que o detido pase a disposición xudicial na mañá deste luns nos xulgados de Caldas de Reis. Os feitos están cualificados como un homicidio e como tal declarará o detido. 

O luns, ás 20.00 horas, horas despois dese paso a disposición xudicial, convocouse de forma espontánea unha concentración diante da Casa do Concello de Barro en repulsa polo seu homicidio. Non o convoca ningún colectivo, senón que a idea xurdiu dunha persoa moi próxima á falecida, correuse a voz e acabou convocándose oficialmente. 

Na tarde deste domingo empezaron a circular por redes sociais un cartel de convocatoria que fala de "repulsa polo asasinato"

Persoas da contorna da moza aseguraron a este xornal que a moza levaba tempo sendo acosada e fontes consultadas confirman que había unha denuncia previa por acoso e que picara as rodas dun vehículo da familia. Á vista destes feitos, e co convencemento de que o seu accidente foi con intención de danala, decidiron convocar unha concentración para dicir publicamente que "non hai dereito a que unha persoa obsesionada contigo acabe coa túa vida". 

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil mantén aberta a investigación polo ocorrido para esclarecer todas as circunstancias da súa morte. Nesta investigación, xa tomaron declaración á contorna da vítima e a veciños da zona na que se produciu o accidente, a moi pouca distancia da casa familiar e do detido.

Estas testemuñas están a trasladar a todo aquel que pregunta polo tema que o suposto homicida supostamente "colocouse perfectamente para chocar con ela" e que se encaixou con ela e non freou nin fixo ningunha manobra para evitar a colisión  frontolateral. De todo isto aínda non existe confirmación oficial. 

Segundo estas persoas da súa contorna, o agora detido quería ter unha relación coa moza coa que finalmente acabou estrelándose, pero ela non tiña interese nel. Nunca chegaron a ter relación ningunha, por iso é polo que, aínda no caso de confirmarse xudicialmente o acoso e o homicidio ou asasinato, o caso dificilmente poderá cualificarse a nivel penal como violencia de xénero. A Lei Integral de Violencia de Xénero tan só recolle esta posibilidade para crimes nos que o homicida e a vítima son ou foron parella sentimental. 

O detido permanece desde a tarde do venres nos calabozos da Garda Civil como único sospeitoso.

No lugar do accidente, en Porráns, hai agora un pequeno altar improvisado con ramos e coroas de flores de familiares e amigos da víctima, que buscan un xeito de lembrala.