O Concello de Pontevedra cualifica como "feminicidio" a morte de Jessica Méndez en Barro

Pontevedra
21 de marzo 2022

Anabel Gulías, portavoz municipal, pedía este luns ás autoridades que se investigue sobre "o crime tan horrendo de Barro" que se producía o xoves cando José Eirín presuntamente impactaba o seu vehículo a propósito contra o turismo que conducía a moza de 29 anos en Porráns provocándolle a morte. Desde o Concello de Pontevedra consideran que, independentemente do que estableza a lexislación, é "violencia machista"

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra
Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

Anabel Gulías, portavoz municipal do goberno local de Pontevedra, pedía "con prudencia" pero tamén con "firmeza" este luns que as autoridades investiguen o "crime tan horrendo de Barro" no que perdía a vida a moza Jéssica Méndez, natural de Barro pero residente en Pontevedra. 

O Concello de Pontevedra considera, segundo as primeiras investigacións realizadas polas Forzas de Seguridade, que se trata dun "feminicidio", explicou Anabel Gulías. Explicou que, segundo os indicios,se trata dun ataque a unha muller acosada, que sofre violencia ata o punto de acabar coa súa vida. A portavoz municipal manifestou que, á marxe do que recolla a actual lexislación estatal, este caso é "violencia machista".

A Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra detiña o venres, ao día seguinte de que se producise o suceso, a José Eirín como presunto autor dun homicidio. As investigacións da Garda Civil céntranse en que o impacto non foi accidental, senón provocado. Eirín, segundo os datos recollidos polos axentes, coñecía desde había anos á vítima e levaba moito tempo acosándoa. 

Desde o Concello de Pontevedra amosan a súa repulsa e entenden que este tipo de crimes deben de combaterse desde as institucións pero tamén desde a rúa. Neste sentido, Anabel Gulías afirmaba que se os colectivos feministas convocan concentracións "alí estaremos berrando para que este horror acabe dunha vez".

O goberno local enviou tamén unha agarimosa aperta e folgos para familiares e amizades de Jéssica Méndez.