Conclúe a rehabilitación das casas modernistas da Illa de Arousa

O Salnés
30 de setembro 2020

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, comprobou este martes a finalización dunha obra que revolucionará a vida social e administrativa no centro da illa e que supuxo o investimento de 3,1 millóns de euros

Visita da presidenta da Deputación, Carmela Silva, ás reformadas casas modernistas da Illa de Arousa

As obras de restauración do conxunto de tres casas modernistas de rúa Marqués de Bradomín e a reurbanización e mellora da seguridade viaria en toda a área formada polo Centro de Saúde - Casa do Mar e o barrio de As Laxes, no municipio da Illa de Arousa, xa están rematadas. Para comprobar o estado final destes proxectos, valorados que supuxeron o investimento de 3,1 millóns de euros achegados polo Concello e a Deputación (2,9 millóns), a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, viditó A Illa este martes.

"Non estamos ante uns edificios calquera, senón nun espazo que é a historia viva dá nosa comunidade, ligada á conserva e ás familias que puxeron en marcha esta industria que nos situou como unha referencia en todo o mundo”, dixo a mandataria socialista para valorar o traballo do goberno local e de todos os actores que fixeron realidade esta transformación.

A restauración dos tres inmobles, da arquitectura burguesa de principios do século XX, coñecidos popularmente como as casas de O Campaneiro, Dona Tomasa e Goday, os seus xardíns particulares e a antiga fábriza de salgadura permite completar unha gran operación urbanística deseñada polo Concello despois da súa segregación no 1997. Esta recuperación culmina a posta ao dispor dos veciños dunha área de 135.000 metros cadrados que configura o núcleo administrativo, social e de lecer do concello.

A casa do Campaneiro acolle agora un centro cultural, a casa de Doa Tomasa, será un lugar de encontro para persoas maiores e a de Goday acollerá a nova biblioteca municipal e un pequeno arquivo vinculado á actividade conserveira arousá.

No referente á mellora da seguridade viaria na contorna do centro de saúde e o barrio de As Laxes, a obra consistiu na ordenación do aparcamento, ampliación de beirarrúas e pasos de peóns, melloras de accesibilidade no barrio e a dotación de espazos axardinados e novo mobiliario urbano nas zonas residenciais.