Conclúe a reforma do camiño do Cemiterio e a travesía Poio de Arriba

Poio
04 de febreiro 2025

O investimento nestas obras foi de 100.000 euros con fondos provinciais coa intención de mellorar a seguridade e a integración da zona paralela á estrada PO-308

Ángel Moldes na zona onde se realizaron as obras
Ángel Moldes na zona onde se realizaron as obras / Concello de Poio

O Concello de Poio rematou a mellora e rehabilitación do firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador.

Esta obra era demandada polas persoas que circulaban por esta vía ao presentar numerosas fochancas e irregularidades nunha zona de moito tránsito circulatorio ao estar situado o cemiterio parroquial e o centro escolar na contorna.

O proxecto, que supo un investimento de 100.000 euros con fondos do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, destaca dado que se trata dunha estrada paralela á PO-308, que percorre o litoral.

O alcalde, Ángel Moldes, destacou a imprescindibilidade desta actuación na mellora da seguridade e da integración da zona.

Entre as intervencións, os operarios acometeron a demolición do antigo pavimento, a adecuación da rasante para obter un paquete de firme de calidade que asegure unha circulación máis segura, ensanches do vial e a construción de muros de contención,

Tamén se crearon aparcamentos na contorna do cemiterio, para organizar mellor o tráfico e ofrecer maior accesibilidade aos veciños.

Esta mellora no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba forma parte das actuacións realizadas polo goberno local, que contaron cun investimento global aproximado de 850.000 euros.

Entre os proxectos que sinala o Concello dentro destes operativos destacan as intervencións en camiños municipais de diversas parroquias, entre os que se inclúen os de Cachafeiro, Castaño, 3ª Travesía da Seara, Outeiro de Fontenla, os ramais da rúa Sartal, Fonteiriñas, Souto, Costa de Arriba, Liñares, Coita, Paradela, Banda do Río, Retea e San Martiño.