Condenado un profesor de academia por bicar unha alumna sen o seu consentimento e enviarlle WhatsApp de contido sexual

Pontevedra
12 de setembro 2023

A Audiencia considérao autor dun delito continuado de agresión sexual e condénao a dous anos de prisión e outros dous de inhabilitación para o exercicio da profesión de profesor. Ademais, inhabilítao para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleve contacto regular e directo con persoas menores durante sete anos

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

A Audiencia de Pontevedra decidiu condenar un profesor de matemáticas dunha academia da cidade por bicar varias veces na boca a unha alumna de 15 anos sen o seu consentimento. 

A sección cuarta da Audiencia considérao autor dun delito continuado de agresión sexual e condénao a dous anos de prisión e outros dous de inhabilitación para o exercicio da profesión de profesor. Ademais, inhabilítao para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleve contacto regular e directo con persoas menores durante sete anos.

A sentenza tamén lle impón a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela por calquera medio durante tres anos. 

A resolución das maxistradas da sección cuarta, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), conclúe que o acusado lle enviou á vítima mensaxes de WhatsApp, incluíndo stickers de contido sexual. 

Para as xuízas, existe "abundante documental que proba unha conduta do acusado" que "non encaixa na relación profesor-alumna", e que tampouco se presenta como igual, ou polo menos parecida, á que mantiña co resto de alumnos da academia que declararon como testemuñas. 

Para as maxistradas, "non resulta dúbida algunha de que a verdadeira intención do acusado foi a de satisfacer os seus desexos sexuais, para o que utilizou e manexou a unha menor que si llo tomou como un xogo, ata o momento en que se deu conta de cales estaban a ser as verdadeiras intencións do condenado.

O tribunal recalca que as conversacións de WhatsApp e os audios que lle enviou á menor demostran que "non foron bicos de afecto". Ademais, insiste en que "o carácter sexual da acción é evidente" e  en que "os actos de contido sexual executados polo acusado atentaron contra a liberdade e indemnidad sexual da vítima".  

Segundo o relato de feitos probados da sentenza, en setembro de 2019, esperouna cunha gominola na boca, á saída do ascensor da academia, "dándolle un bico na boca, sen contar co seu consentimento". 

Noutra ocasión, presentouse no domicilio da menor, ofreceulle un café e uns doces, agarrouna polos ombreiros e, sen contar co seu consentimento, bicouna na boca. 

En novembro de 2019, aproveitando que quedou a soas coa vítima na academia, suxeitoulle a cara e deulle, sen que ela o consentise, dous bicos na boca. Outro día que tamén estaban sós no centro aproveitou para entrar na aula onde estaba a vítima e, sorpresivamente, bicala na boca, tamén sen o seu consentimento.   

Noutra ocasión, cando baixaba no ascensor con ela, "suxeitouna contra a parede, e, en contra da súa vontade, bicouna na boca".