Condenan a dona dun coche que deixou que unha persoa sen carné se puxera ao volante

Pontevedra
27 de febreiro 2025

O condutor do coche, que non tiña carné de conducir, ía acompañado da dona do vehículo que, segundo considera probado a sentenza, permitiu que conducira "sabendo esta circunstancia"

Rúa da Pomba, en Pontevedra PontevedraViva

O goberno municipal de Pontevedra desvelou este xoves o contido de dúas sentenzas relacionadas con accidentes de tráfico ocorridos na cidade e que considera que son "exemplarizantes" para os condutores menos concienciados coa seguridade viaria.

Unha destas resolucións xudiciais resolve o sucedido na Rúa da Pomba, en Mourente, durante un accidente que se rexistrou o 22 de outubro de 2023.

Ese día, sobre o dez e media da noite segundo explicou a edil responsable da área de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, un coche causou danos na beirarrúa e na fachada do Hotel La Paloma tras impactar contra elas.

O condutor do coche, que non tiña carné, ía acompañado da dona do vehículo que, segundo considera probado a sentenza, permitiu que conducira "sabendo esta circunstancia", polo que ambos foron condenados por un delito contra a seguridade viaria.

O tribunal impúxolles 40 e 32 días de traballos en beneficio da comunidade, respectivamente, e ademais terán que indemnizar o Concello e o establecemento hoteleiro polos danos.

A segunda destas sentenzas que desvelou o goberno municipal é a relativa a un accidente que se produciu o pasado 16 de febreiro, ás 06:55 horas, na ponte de Santiago.

Un home que circulaba baixo a influencia de bebidas alcohólicas derrubou un sinal de tráfico.

Foi condenado por un delito contra a seguridade viaria á retirada do carné durante vinte meses, ao pago dunha multa de 720 euros e ao abono ao Concello dos 606 euros que custará a reposición do sinal de tráfico.