Condenan a oito anos e seis meses de prisión un home por unha agresión sexual continuada a unha menor en Pontevedra

Pontevedra
14 de decembro 2023

O caso, procedente do Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra, resolveuse mediante un acordo de conformidade  

Edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra
Edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra / PontevedraViva

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a oito anos e seis meses de prisión un home por unha agresión sexual continuada a unha menor de idade.

O caso, procedente do Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra, resolveuse mediante un acordo de conformidade.

En virtude do acordo alcanzado entre as partes, o acusado admitiu a autoría dun delito continuado de agresión sexual.

Ademais da pena de cárcere, o procesado aceptou a imposición de 9 anos de liberdade vixiada, con posterioridade ao cumprimento da pena privativa de liberdade. 

Tamén aceptou a prohibición de aproximarse á menor, ao seu domicilio ou lugar que frecuente a unha distancia non inferior a 100 metros e a de comunicarse con ela por calquera medio, por un tempo de dez anos.

Igualmente, este home estará inhabilitado para exercer calquera oficio no que teña algún tipo de relación con menores de idade por un período de trece anos e seis meses. 

En concepto de responsabilidade civil, o acusado indemnizará á vítima, na persoa do representante do seu curador legalmente establecido, na cantidade de 50.000 euros polos danos morais causados.

O tribunal provincial ditará sentenza nos termos acordados polas partes e esta será firme sen que caiba a interposición de recurso algún.