Unha muller de 49 anos resultou ferida leve na mañá deste luns 16 de xuño tras sufrir un aparatoso accidente na autovía AG-41, coñecida como autovía do Salnés, á altura do municipio de Meaño.
Segundo informaba o 112 Galicia, o sinistro produciuse minutos antes das 09.00 horas, cando o vehículo que conducía a muller, un BMW que circulaba en dirección a Sanxenxo, impactou contra a mediana da estrada.
O brutal golpe provocou que o turismo dese varias voltas de campá na autovía.
A condutora, que viaxaba soa no vehículo tivo que ser excarcerada e foi atendida inicialmente no lugar do accidente polos servizos sanitarios do 061, que se desprazaron ata a zona tras recibir o aviso de emerxencia.
Tras ser estabilizada, a vítima foi trasladada ao Hospital Montecelo para ser sometida a unha exploración máis exhaustiva, aínda que as primeiras valoracións médicas indican que as súas feridas son de carácter leve.
Ata o lugar do sinistro achegáronse tamén efectivos do servizo de Emerxencias de Cambados e axentes da Garda Civil de Tráfico, que regularon a circulación e investigan as causas do accidente.
Foi necesaria tamén a intervención do servizo de limpeza de estradas para retirar os restos do vehículo e outros elementos que quedaron espallados pola calzada tras o impacto.
