Transcorrido un ano desde a publicación no Boletín Oficial do Estado da Lei de Taxas, un centenar de persoas concentrouse ao mediodía deste mércores para manifestar o seu rexeitamento a unha norma da que aseguran que impuxo todo tipo de barreiras no acceso á Xustiza. Entre eles había moitos traballadores do mundo xudicial
Avogados, procuradores, representantes de sindicatos e políticos do BNG e o PSdeG-PSOE como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros Vicente García Legísima, Anxos Riveiro e Agustín Fernández secundaron a concentración convocada polo Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra ás portas da Audiencia Provincial e dos once xulgados do ámbito territorial do colexio capitalino que administra unha poboación de 600.000 persoas.
"Un año después podemos decir que se han confirmado los peores augurios sobre la aplicación de la Ley de Tasas", dixo o decano dos letrados pontevedreses, Ramón Jáudenes, para presentar a protesta.
O decano dos avogados pontevedreses, explicou que a lei privou moitos miles de cidadáns do seu fundamental e constitucional dereito á tutela xudicial efectiva, "ha materializado una injusta barrera para el acceso a la Justicia".
Con motivo desta protesta, o Consello Xeral da Avogacía aprobou un manifesto que sostén que "os nosos xuíces e maxistrados foron privados do coñecemento de miles de inxustizas e queixas do conxunto dos cidadáns. O imprescindible coñecemento da realidade social foi furtado aos xulgados e tribunais".
Os letrados aseguran que a Lei de Taxas "non penalizou o mal uso e abuso da Xustiza", xa que as empresa e os cidadáns "de folgada situación económica" non experimentaron ningunha privación de execución do dereito.
Pola contra aseguran que "non se deu solución aos problemas de concesión da xustiza gratuíta" e se favoreceu o "abuso de impunidade" das Administracións Públicas, exentas do pagamento de taxas.
Este "efecto disuasorio" para os cidadáns foi recoñecido polo propio Ministerio de Xustiza que situou a redución de asuntos nun 24 por cento dende que entraron en vigor as taxas "son 250.000 cidadáns en toda España, os que quedaron sen pedir xustiza".
"La nueva ley ha materializado una injusta barrera para el acceso a la Justicia"
En canto á recadación segundo datos ofrecidos polo Ministerio ata setembro foi 103 millóns de euros, moi lonxe dos 306 millóns previstos para todo o ano "descoñecéndose o destino desta recadación".
Ramón Jáudenes sinalou que as esperanzas da Avogacía estan postas no Tribunal Constitucional que admitiu a trámite a cuestión de inconstitucionalidade formulada pola Sección Sétima da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional sobre a Lei de Taxas Xudiciais, segundo publicou este pasado luns o Boletín Oficial do Estado, "El Tribunal Constitucional debería agilizar su respuesta ante el grave daño que están sufriendo los ciudadanos y la denegación del Estado de Derecho".
Finalmente o manifesto dos letrados amosa a súa disposición á negociación e ao diálogo e "o noso rexeitamento a un modelo de de xustiza imposta e non negociados". Por iso sinalan como de "vital importancia", que o Executivo sexa capaz de xerar un amplo Pacto de Estado no que participen todos os sectores implicados "coa finalidade de crear unha nova Administración de Justicia".