O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mostrouse convencido que a Festa do Marisco do Grove, que está a celebrar os seus sesenta anos de vida, será declarada de interese turístico Internacional en 2024.
Durante unha visita a este evento gastronómico, Blanco sostivo que o Concello "leva tempo traballando intensamente" na elaboración dun expediente "amplo e competitivo", polo que augurou que a edición de 2024 "inaugurarase xa con este recoñecemento".
"Esta festa conta con todos os ingredientes necesarios para esta distinción e con todo o apoio do Goberno para seguir crecendo como gran escaparate da Ría de Arousa e dos seus principais piares económicos: o turismo e o sector pesqueiro", apuntou.
O alcalde do Grove, José Cacabelos, destacou que en apenas cinco días de festa "levamos un ritmo que non está a sorprender a todos", demostrando que é un "produto turístico en si mesmo" e un "exemplo claro" da desestacionalización do sector.
Así, puxo en valor que o turismo e a pesca "van da man neste evento", demostrando que a Ría de Arousa é unha das máis produtivas de Galicia e que o seu marisco ten unha "garantía de calidade", cun evento que "claramente chama a toda Galicia".
A este compromiso con esta festa, Pedro Blanco sumou os 3,5 millóns de euros que o Goberno destinou a dous proxectos estatais "para transformar o turismo".
Un deles é o programa compartido por Sanxenxo e O Grove para converterse en destinos turísticos intelixentes, que conta cun investimento de 1,4 millóns; e o outro é o plan de sustentabilidade turística da Mancomunidade do Salnés, con outros 2,11 millóns.