Confían en reabrir as Ruínas de San Domingos antes do verán ante o bo ritmo das obras

Pontevedra
20 de marzo 2015

Segundo explicou tras a Xunta de Goberno da institución provincial, non apareceu "ningunha dificultade engadida" que obrigase a retardar os traballos que se están a realizar en todo este ámbito. Teñen un prazo de execución de catro meses

Traballos nas ruinas de San Domingos
Traballos nas ruinas de San Domingos /

Os traballos de rehabilitación e consolidación do conxunto das Ruínas de San Domingos avanzan a bo ritmo. Así o destaca a deputada Ana Isabel Vázquez, que avanzou que grazas a iso a Deputación de Pontevedra segue confiando que este monumento poida volver abrir o público antes de que se inicie o próximo verán.

Segundo explicou tras a Xunta de Goberno da institución provincial, non apareceu "ningunha dificultade engadida" que obrigase a retardar os traballos que se están a realizar en todo este ámbito. Teñen un prazo de execución de catro meses.

Os técnicos que están a realizar estes traballos terán, entre outras tarefas, que limpar os muros exteriores e interiores do conxunto e todos os condutos de evacuación de auga, sanear as xuntas, aplicar biocidas en diversas áreas, reforzar a estabilidade dos capiteis e elementos escultóricos ou colocar elementos metálicos anti aves nos peitorís das ventás e repisas dos capiteis.

Ademais, Ana Isabel Vázquez sinalou que se fará un esforzo adicional en todo o espazo das ruínas, de forma que se poidan trasladar diferentes pezas e mostralas ao público dunha forma máis axeitada.

Tamén se recollerán os fragmentos do capitel desprendido no seu día -a segunda parte durante a inspección que realizaron tras a caída inicial- para ver a posibilidade de colocalo de novo na súa situación orixinal.

"Esperamos que todo isto nos permita que a cidadanía poida volver disfrutar pronto deste espazo e volva a abrirse ás diferentes actividades que programa o Museo", concluíu a deputada provincial.