Confirmado: haberá Festa da Ameixa de Campelo esta fin de semana

Poio
14 de setembro 2022

A Confraría de Raxó confirma que as análises da toxina deron negativo, polo que se poderá celebrar a Festa da Ameixa nas datas previstas nesta fin de semana, o sábado 17 e o domingo 18 de setembro, días nos que terán lugar as degustacións de ameixa na Praza da Granxa de Campelo

Detalle do cartel da 34 edición da Festa da Ameixa de Campelo
Detalle do cartel da 34 edición da Festa da Ameixa de Campelo

Nos últimos días, o peche de actividade por toxina nos polígonos da ameixa babosa fixo cambalear a celebración da 34 edición da Festa da Ameixa de Campelo (Poio).

O Concello de Poio estaba pendente das análises pertinentes sobre a evolución da toxina. A última, realizada este mércores 14, achegou a mellor das noticias.

A Confraría de Raxó confirma que as análises da toxina deron negativo, polo que se poderá celebrar a Festa da Ameixa nas datas previstas nesta fin de semana, o sábado 17 e o domingo 18 de setembro, días nos que terán lugar as degustacións de ameixa na Praza da Granxa de Campelo.

O venres 16 iniciaranse as actividades ás 20:45 cun acto de homenaxe ás mariscadoras xubiladas, entrega de premios do concurso de fotografía e inauguración dunha exposición na carpa. Haberá tamén un espectáculo de cabaré a cargo da compañía de Nelson Quinteiro co título "FALA-ME Galician Trad Cabaré".

A carpa de degustación abrirase o sábado 17 ás 12:30 e o domingo 18 ás 12:00, ambas xornadas con ambientación de música tradicional e orquestra pola noite.

Paralelamente, o sábado 17, entre as 16:00 e as 20:00 horas, levarase a cabo o chamado Desembarco Pirata, consistente en xogos e actividades de lecer, con embarcacións tradicionais e dragóns, nas praias de Campelo e da Illa dos Ratos para público de 6 a 14 anos.

Na carpa gastronómica poderase desfrutar de diferentes preparacións coa ameixa como ingrediente principal. A un prezo de 8 euros serviranse ameixas con fideos ou arroz con ameixas. As ameixas á mariñeira poderanse degustar ao prezo de 9,50 euros. E como sobremesa, torta de Santiago a 3 euros a porción ou a 15 a torta enteira.