O desdobramento da avenida de Vigo levará o nome de Josefina Arruti, tal e como propoñía o BNG. Así o determinou a comisión de Benestar, Cultura e Dinamización sociocultural celebrada este xoves no Concello de Pontevedra.
Esta decisión foi avalada por PSdeG-PSOE e Ciudadanos. Abstivéronse tanto o Partido Popular coma Marea.
Josefina Arruti foi a compañeira do alcalde de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio Tafall, encarcerada e sometida a arresto domiciliario durante tres anos, símbolo da solidariedade ao abrir o panteón familiar para que se enterrasen nel numerosos represaliados durante a Guerra Civil e os anos da ditadura franquista.
A proposta incluía unha moción para que sucesivas vías públicas, parques e edificios municipais reciban o nome de mulleres como homenaxe ao seu labor en diferentes ámbitos da vida pública.
Neste sentido, a comisión rexeitou a intención do Partido Popular de convocar un concurso público para encargar un estudo do rueiro de Pontevedra que determine a denominación das novas vías públicas da cidade. Todos os partidos votaron en contra desta iniciativa do PP.