O conflito xudicial sobre o convenio termal de Cuntis intensifícase

Umia
10 de xaneiro 2026

O Xulgado impón multas ao alcalde e investiga por desobediencia os gobernos municipais desde 2011. O goberno local critica a postura de Termas de Cuntis e anuncia recurso

Vista aérea do núcleo urbano de Cuntis
Vista aérea do núcleo urbano de Cuntis / Concello de Cuntis - Archivo

O que comezou como un conflito administrativo por un convenio urbanístico de 1994 deixa consecuencias xurídicas neste ano.

Segundo o último auto xudicial ditado o 2 de xaneiro de 2026 polo Tribunal de Instancia de Caldas de Reis, a xustiza decidiu incoar dilixencias previas para investigar a posible existencia de delitos de prevaricación administrativa e/ou desobediencia grave á autoridade xudicial no seo do Concello de Cuntis.

Esta decisión nace do "testemuño de particulares" remitido polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra, ante o que considera unha falta de cumprimento "incomprensible" da sentenza ditada en xullo de 2011.

O maxistrado-xuíz do Tribunal de Instancia en Caldas Marcos Díaz Peteiro ordenou unha batería de dilixencias urxentes que pon baixo sospeita non só ao actual goberno local, senón a todos os responsables políticos que pasaron polo consistorio nos últimos tres lustros.

O tribunal requiriu oficialmente ao Secretario do Concello a seguinte documentación: Identificación nominal de todos os alcaldes que ostentaron o cargo desde xullo de 2011 até novembro de 2025, identificación de todos os membros das Xuntas de Goberno durante ese mesmo período (durante 15 anos) e testimonio íntegro de todas as actas e acordos de Alcaldía onde se analizou ou valorado calquera cuestión relativa á execución da sentenza que obrigaba a entregar as leiras á empresa Termas de Cuntis S.L.

Esta escalada prodúcese semanas despois de que o xulgado de Pontevedra impuxese unha multa coercitiva de 300 euros mensuais ao actual alcalde Manuel Campos, tras constatar que catorce anos despois do fallo xudicial, o Concello segue sen entregar a leira das piscinas (Budeón) libre de cargas e sen finalizar o Plan Especial para a nova piscina municipal.

A xuíza Inés Nicolás Herrero foi contundente en decembro ao sinalar que o Concello foi "esquivando, coa súa conduta, o cumprimento dunha resolución xudicial", a pesar de ter tempo "máis que suficiente" para remover os obstáculos técnicos e administrativos.

Pola contra, en abril de 2023, o Xulgado de Pontevedra expuxera que a sentenza xa non podía executarse por imposibilidade legal, ao expirar o prazo de vixencia do convenio conforme á Lei 40/2015, o que levou ao entón arquivo da execución.

REACCIÓN DO GOBERNO LOCAL

Desde o Goberno local de Cuntis, a resposta foi inmediata. Tras unha reunión de urxencia cos seus asesores legais, o Concello manifestou que presentará recursos a esta decisión xudicial.

O grupo de goberno deféndese con dureza: "Acatamos as decisións xudiciais pero non as compartimos e menos cando non mostran a realidade dos feitos", sinala o comunicado oficial, onde lembran que o Xulgado de Pontevedra emendara "a decisión do propio xulgado de data do 24.04.2023 na que o propio xulgado recoñecía a imposibilidade de execución".

Manuel Campos, alcalde de Cuntis
Manuel Campos, alcalde de CuntisConcello de Cuntis

Cualifican de "lamentable" a actitude de Termas de Cuntis, acusando a empresa de buscar "amedrentar con estas actuacións os representantes públicos elixidos democraticamente".

O goberno municipal insiste en que están a executar as actuacións do convenio "coa máxima axilidade", pero que os prazos dependen doutros organismos.

Tamén recalcan que a súa prioridade é a defensa dos bens públicos: "defenderemos sempre os bens públicos e os intereses dos veciños de Cuntis por riba dos intereses económicos de calquera empresa".

A ORIXE DO CONFLITO

O convenio inicial, aprobado polo Pleno do Concello de Cuntis o 30 de decembro de 1994, foi un acordo estratéxico de colaboración público-privada entre o Concello, entón liderado polo alcalde socialista Eduardo Rey, e o empresario Marcial Campos Fariña, cuxos dereitos herdou posteriormente a empresa Termas de Cuntis S.L.

O principal obxectivo era transformar Cuntis nunha vila termal de referencia, mediante intercambio de propiedades e reordenación de equipamentos públicos.

Para levar a cabo o proxecto, o convenio estipulaba unha serie de compromisos mutuos:

O empresario comprometíase a:

  • Ceder gratuitamente ao Concello diversas parcelas destinadas a viarios, zonas verdes e unha praza pública.

  • Entregar ao Concello varias fincas situadas na zona de Campo, cunha superficie total de 14.379 metros cadrados.

  • Reservarse o dereito de explotación dun acuífero detectado neses terreos.

O Concello de Cuntis, pola súa parte, asinaba:

  • A entrega de parcelas clave: A cambio dos terreos da zona de Campo, o Concello debía transmitir á empresa a propiedade de dúas parcelas estratéxicas:

  1. Huerta Rectoral: Unha parcela de 2.500 m2.
  2. Finca Budeón (Piscinas Municipais): Unha finca de 4.970 m2 onde estaban as antigas piscinas.
  • Reubicación de servizos: O Concello obrigábase a trasladar as instalacións que “estorbaban” o desenvolvemento termal: Trasladar o Colexio Público ao ámbito da Ran, trasladar as Piscinas Municipais a unha nova ubicación na parcela da Palma e trasladar o palco da música.

  • Cambios urbanísticos: Tramitar unha Modificación Puntual das Normas Subsidiarias (NNSS) para dar cobertura legal a todos estes movementos.

O problema que levou á actual situación xudicial é que, aínda que o empresario cumpriu coas súas cesións, segundo estas resolucións xudiciais, o Concello nunca chegou a entregar a Finca Budeón (as piscinas) libre de cargas.

Para poder facelo, o Concello debía ter construído antes as novas piscinas en A Palma, un trámite que, segundo a xustiza, se demorou inxustificadamente durante máis de 30 anos (desde a sinatura) e 14 anos (desde a sentenza de 2011).