Un congreso conmemorará en Soutomaior o 150 aniversario de María Vinyals

Soutomaior
08 de outubro 2025
Actualizado: 18:52

O Multiusos de Arcade acollerá este congreso internacional o próximo 25 de outubro

Silvia Cernadas presenta o congreso sobre María Vinyals
Silvia Cernadas presenta o congreso sobre María Vinyals / Concello de Soutomaior

Os actos de conmemoración polos 150 anos do nacemento de María Vinyals continúan en Soutomaior.

Fano cun congreso internacional sobre a figura da escritora, feminista, pintora e xornalista, unha das súas veciñas máis ilustres nacida o 14 de agosto de 1875 no castelo de Soutomaior.

Co obxectivo de difundir a vida e a obra de Vinyals, coñecida como 'Marquesa Vermella' polo seu activismo social, o Concello a través do seu departamento de Cultura previu toda unha serie de actividades que comezaron o pasado 14 de agosto e que se van a desenvolver até o próximo 14 de agosto de 2026.

Unha delas será o congreso previsto para este próximo 25 de octibre no Multiusos de Arcade.

A xornada leva por título 'María Vinyals. Unha aristócrata que desafiou o seu tempo' e está pensada para todo tipo de público. Conta ademais coa homologación provisional como actividade de formación permanente do profesorado por parte da Consellería de Educación.

"Trátase dunha xornada que vai supoñer un punto de inflexión nos estudos sobre María Vinyals. Unha oportunidade única para aprender e compartir sobre unha das figuras máis interesantes e aínda descoñecidas da nosa historia, da man das persoas que máis saben dela", explicou a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas.

Arrincará ás 10.00 horas e prolongarase até as 20.00 horas da tarde, con descanso ao mediodía. Todo con inscrición gratuíta a partir deste xoves 9 de outubro na web municipal www.soutomaior.gal.

Participarán no congreso Aurora Marco, catedrática xubilada da Universidade de Santiago; Mª Ángela Comesaña, directora de comunicación e publicacións no Museo de Pontevedra; Ricardo L. Hernández, profesor xubilado da Universidad de La Habana; Pablo Ramírez, bibliotecario na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas; Diego Piay, profesor asociado na Universidad de Oviedo, arqueólogo e historiador; Luís Fariña, xefe de Uroloxía no Hospital Povisa de Vigo; Miguel García-Fernández, técnico no Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento; Ricardo Pichel, profesor axudante doutor na UNED; e Silvia Cernadas, investigadora especializada na historia do castelo de Soutomaior e os seus moradores.

A xornada tamén inclúe unha mostra de materiais e documentos sobre María Vinyals a cargo do coleccionista José Luís López Carregal e a posta en escena da obra de teatro 'Catro pezas para un Castelo' de Andrea Castro, a cargo da Escola Municipal de Teatro para persoas adultas.