O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde da Lama, David Carrera, abordaron este venres as necesidades de reforma que presenta o centro de saúde deste concello, de titularidade municipal.
A xuntanza celebrouse en Santiago e nela tamén participaron a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.
O conselleiro e o alcalde analizaron as deficiencias que presenta o centro de saúde da Lama, unha instalación municipal, construída hai preto de 40 anos, que presenta problemas na súa distribución interior e na cuberta.
Para tratar de resolvelos, os técnicos de obras da Consellería de Sanidade visitarán o equipamento sanitario xunto con responsables do Concello para avaliar o alcance das actuacións precisas, como paso previo a determinar o orzamento necesario e os termos do seu financiamento.
O Sergas realizou neste equipamento diversas obras de mellora (albanelaría, renovación de radiadores, reparación de pavimento, pintura interior e cambio de ventás) entre os anos 2022 e 2023, cun importe de máis de 15.000 euros.
No que se refire a equipamento, o centro foi dotado no ano 2021 dun espirómetro, un electrocardiógrafo, 1 desfibrilador e 1 holter, cun investimento por parte da Xunta de preto de 14.000 euros.
No pasado ano, a Xunta dotou o centro dun sistema holter de presión arterial, un sistema de monitorización, un retinógrafo, dúas padiolas de exploración hidráulica e outra de transporte, cun investimento por parte do Executivo galego de máis de 34.000 euros.